VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:
– Programa A. Axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e/ou do seu patrimonio cultural.
– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2014.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que, de acordo coa tipoloxía establecida no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade.
2. Igualmente, e de conformidade co establecido nas disposicións transitorias terceira e cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, tamén poderán ser beneficiarias as comunidades galegas e os centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior á devandita lei.
3. Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión ou fusión mentres que o devandito proceso non estea rematado.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.