miércoles, 26 de febrero de 2014

BOLSAS DE FORMACIÓN EN BIBLIOTECONOMIA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



 Obxecto e finalidade
1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.
2. Os bolseiros recibirán a súa formación nas bibliotecas públicas a que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación das bibliotecas públicas en que deberán realizar a actividade publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.
3. A formación comprenderá unha parte teórica e outra práctica que será impartida por persoal técnico bibliotecario.
Número, duración e importe das bolsas
1. O número de prazas convocadas será de trinta e unha (31) que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.
2. A bolsa terá unha duración total de oito meses, contados desde a data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura e poderán ser prorrogadas dependendo do informe favorable do titor responsable e mais da existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.
3. Financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 2014 09.20.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, por un importe total de douscentos quince mil setecentos sesenta euros (215.760 €).
4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse 8.610,56 euros, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais.
5. O importe individualizado de cada bolsa será de 870 euros brutos mensuais.
6. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación; licenciatura ou grao en Historia, Filoloxía ou Humanidades.
– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.
– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.
A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 26 de marzo do ano 2014.