Obxecto:
O obxecto destas axudas é a concesión de 16 bolsas de promoción exterior coa finalidade de formar a especialistas no ámbito da captación internacional de investimentos, a expansión exterior da empresa galega, a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia, a busca de oportunidades de negocio e a investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.Beneficiarios:
Titulados universitarios ( con titulación posterior ao 31 de decembro de 2002).
Requisitos:
Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:
*O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:
- Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.
- Ser natural de Galicia.
- Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.
*Cumprir os requisitos do artigo 10º da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
*Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media) na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: arquitectura, bioloxía, biotecnoloxía, ciencias ambientais, ciencias do mar, física, xeoloxía, enxeñería, matemáticas, química, ciencias económicas e empresariais, administración e dirección de empresas, ciencias empresariais, economía, dereito, ciencias políticas, xornalismo, comunicación audiovisual, publicidade e relacións públicas e turismo. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
*Dominio dun dos seguintes idiomas (falado e escrito): alemán, francés, inglés, ou portugués.
Para estes efectos os candidatos deberán realizar unha proba do idioma elixido. Os candidatos poderán examinarse como máximo dun dos idiomas anteriores, para o que deberán indicar o idioma obxecto de exame na solicitude.
* Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.
* Non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
* Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.
* Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da comunidade autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no cuestionario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, de acordo co establecido no artigo 11º g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación: do 4/1/2011 ao 4/2/2011