CONSELLERÍA DE SANIDADE
lunes, 3 de mayo de 2021
OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2021 DE DIVERSAS CATEGORIAS DE PERSOAL ESTATUTARIO DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
Aprobación da oferta de emprego público
Apróbase a oferta de emprego público de diversas categorías de persoal estatutario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para o ano 2021.
Cuantificación da oferta de emprego público
1. O número de prazas que integran a oferta de persoal estatutario para o ano 2021 ascende a un total de 1.203 prazas.
2. A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo deste decreto.
SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL QUE EXECUTARÁN AS ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS DE DESENVOLVEMENTO
VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO
Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización ou aquelas cuxos órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
viernes, 30 de abril de 2021
BOLSA DE FORMACIÓN PRÁCTICA ESPECIALIZADA NA OFICINA ESPAÑOLA DE TURISMO EN ROMA DURANTE 2021-22
AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto e réxime
Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión dunha bolsa de formación práctica especializada na oficina española de turismo en Roma.
O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2021 e 2022 cunha duración máxima de 18 meses, contados desde a data da incorporación da persoa bolseira.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das bolsas as persoas que reúnan os requisitos previstos no artigo 5 das bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Aboamento das axudas
O primeiro pagamento será do 20 % do importe total da bolsa e realizarase unha vez que a persoa bolseira estea incorporada efectivamente ao seu destino; os dous pagamentos seguintes serán o 35 % respectivamente; o cuarto pagamento será o 10 % da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas.
ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN FORMATIVO PARA O EMPREGO PERÍODO 2021-2023
CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través das súas xefaturas territoriais (procedemento TR301K).
Tamén poderán participar nas referidas accións formativas aqueles colectivos que para tales efectos se determinan na propia orde.
Programación
As accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención son as da modalidade de programación da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.
Poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo II de cada convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados a estas.
Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación
Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.
As entidades deberán dispor no ámbito territorial de Galicia das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan a impartición das acciones formativas solicitadas.
Así mesmo, os centros presenciais vinculados a entidades acreditadas e/ou inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación informática SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.
Execución da primeira convocatoria
As accións formativas correspondentes a esta convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2021, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.
A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2021 será o 20 de decembro de 2021.
Para cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2021 e 2022 ou exclusivamente durante a anualidade 2022, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2022.
