lunes, 4 de marzo de 2019

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL DE GRAO SUPERIOR DE GALICIA PARA O CURSO 2017/18

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Obxecto
Premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizou estudos de formación profesional de grao superior no curso 2017/18 na Comunidade Autónoma de Galicia e rematou en 2018. O alumnado premiado poderá concorrer, logo da súa inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Persoas beneficiarias
Alumnado que cursou estudos de formación profesional de grao superior en 2017/18 (presencial ou a distancia) nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia e rematou en 2018, cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

CONVOCATORIA PROBAS DE AVALIACIÓN EN COMPETENCIAS CLAVE PARA ACCEDER AOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE DE NIVEL 2 E 3 DE CUALIFICACIÓN

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación (código de procedemento TR306A).

Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A).
Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.

Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos dous niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
2. As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira e que se especifican no anexo VI desta resolución.

Presentación de solicitudes e prazo
1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución, dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións.
2. O prazo para presentala é a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 29 de marzo de 2019.
3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365). Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https.//sede.xunta.gal./chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html).
4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presenciamente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición no recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE AXUDAS ECONÓMINCAS INDIVIDUAIS PARA PERSOAS RESIDENTES NO EXTERIOR PARA 2019

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar, para as persoas residentes en Venezuela, Arxentina e Uruguai o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 13 da Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2019 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019), ata o 20 de marzo de 2019, inclusive.

viernes, 1 de marzo de 2019

AXUDAS Á VALORIZACIÓN E Á SEGUNDA TRANSFORMACIÓN DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA E DO CONTRACT

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL


Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os proxectos de investimento realizados polas pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
2. Considéranse subvencionables os seguintes investimentos:
a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa, así como para os procesos de secado da madeira.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC).
d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
e) Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

 Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outras materias de orixe forestal, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. A estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. As empresas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida na conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano–, segundo proceda).
4º. Estudo de viabilidade asinado por profesional independente cualificado, que contará, como mínimo, cun plan económico financeiro, que inclúa conta de resultados previsional na que se analice o impacto dos novos investimentos, plan de tesouraría previsional e balances previsionais, incluíndo unha descrición das hipóteses que sustenten as previsións.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.
3. Así mesmo, as persoas solicitantes con persoal contratado por conta allea en número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, polo menos, na data de publicación da convocatoria o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 12 meses anteriores á data de publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. O persoal en réxime de autónomos non computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

PREMIOS DE EXCELENCIA ACADÉMICA AO ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao co obxecto de incentivar o alumnado do Sistema universitario de Galicia con aproveitamento académico excelente.

Persoas destinatarias
Estes premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Requisitos para obter os premios
1. Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de primeiro, segundo e terceiro curso nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos das ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos.
Para o alumnado dos programas de simultaneidade estenderase o premio ata o penúltimo curso da organización docente.
2. O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.
b) Nos graos oficiais será necesario:
• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o plan de estudos de cada titulación de grao, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o plan de estudos.
• Ter no curso académico 2017/18 a nota media igual ou superior a 8 puntos.
c) Nos programas de simultaneidade de graos para os efectos da obtención deste premio será necesario:
• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o seu programa de simultaneidade, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o programa de simultaneidade.
• Ter no curso académico 2017/18 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.
d) A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.
Para a obtención desta nota media non se valorarán as cualificacións recoñecidas, convalidadas ou adaptadas.
e) Para os efectos da obtención do premio non terán a consideración de materias recoñecidas as superadas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

Dotación do premio
Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
Procedemento para a determinación dos premios: obrigas das universidades
Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Secretaría Xeral de Universidades requirirá ao órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia, a remisión dos datos correspondentes á persoa coa nota media máis alta en cada un dos cursos da titulación de grao, así como dos programas de simultaneidade de grao, que cumpra os requisitos fixados nesta orde, debidamente certificados.
As universidades, unha vez determinadas as persoas que cumpren os requisitos establecidos, comunicaranlle a súa condición de premiadas, e deberán manifestar estas a súa aceptación expresa segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde.
O prazo de remisión do requirimento xunto coa aceptación expresa, aos que se fai referencia nos parágrafos anteriores, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa recepción.

CORRECCIÓN DE ERROS.- LEI 3/2018 DE MEDIDAS FISCAIS E ADMINISTRATIVAS

CORRECCIÓN DE ERROS.- LEI 2/2018 DE ORZAMENTOS XERAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O ANO 2019