viernes, 17 de abril de 2026

SUBVENCIÓNS A INSTITUCIÓNS SEN FIN DE LUCRO PARA GASTOS CORRENTES DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 6 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT215A).

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2026, de acordo co establecido na orde.
2. Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos clave da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro de carácter privado, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable.
Non poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes institucións sen fin de lucro:
– Entidades ou asociacións que pertenzan ao ámbito educativo.
– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.
As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Prazo de presentación de solicitudes
As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.