Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que rexerán o procedemento de adxudicación de axudas para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, que ten por finalidade facilitarlles a 50 mozas e mozos galegas/os de diferentes procedencias un maior coñecemento da realidade galega a través da realización dun traballo desinteresado co patrimonio natural e cultural de Galicia e outras actividades complementarias (código de procedemento PR930C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as 40 prazas destinadas no 2026 á mocidade de orixe galega residente no estranxeiro. As 10 prazas restantes ofértaas a Dirección Xeral de Xuventude para favorecer o contacto coa mocidade galega residente en Galicia.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
Poderá optar a unha das prazas obxecto desta convocatoria para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia a mocidade que cumpra os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 22 e os 30 anos o día 1 de xaneiro de 2026.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Posuír a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculada con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
e) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.