jueves, 30 de abril de 2026

PROGRAMA AVENTÚRATE CON GALICIA 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR930B).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Aventúrate con Galicia para o ano 2026, que ten por finalidade facilitarlles a 30 mozas e mozos de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas que residan no estranxeiro, a participación en determinadas actividades de verán convocadas pola Xunta de Galicia para a xuventude galega, así como o encontro cos seus familiares residentes na Comunidade Autónoma.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento PR930B).
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ata o cobertura das prazas convocadas, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 10 a os 17 anos o día 15 de xullo de 2026.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Carecer de enfermidades transmisibles con risco de contaxio, discapacidades e outros impedimentos que lles imposibiliten participar con normalidade nas actividades recreativas e deportivas do campamento que soliciten.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, comezará o día hábil seguinte.
O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ata as 20.00 horas do primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata ás 20.00 horas do último día do mes.