Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2025/26.
Persoas beneficiarias
O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa no curso 2025/26.
Requisitos
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2025/26 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser beneficiario/a no curso 2025/26 da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.
2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do que é nacional.
3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.