martes, 23 de agosto de 2022

PROGRAMA UNICO-BONO SOCIAL

 AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B).

Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras, recollidas como anexo I, do Programa de emisión de bonos dixitais (Programa ÚNICO-Bono Social) previsto no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro) e enmarcado no investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do Compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A), así como da inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento AP400B).
2. Aprobar o formulario para a solicitude dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, que se inclúe como anexo II, e proceder a convocatoria para as anualidades 2022 e 2023.
3. Aprobar o formulario para a solicitude de inscrición como entidade colaboradora, que se inclúe como anexo VI, e convocar o procedemento de inscrición.
4. Publicar o convenio de colaboración para a xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo IX).
5. Habilitar o rexistro de operadores-colaboradores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.
2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional de algún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.
3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:
a) 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nesta.
b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.
4. En calquera caso os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo inicial para que as entidades interesadas presenten as solicitudes de inscrición como entidades colaboradoras é dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.6.b) das bases reguladoras recollidas no anexo I. O prazo rematará o mesmo día en que se producise a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que se inicie o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ata ao primeiro día hábil seguinte.
2. O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas e rematará o 16 de decembro de 2022.