martes, 23 de agosto de 2022

PROGRAMA NOVA OPORTUNIDADE DAS PERSOAS TRABALLADORA AUTÓNOMAS PARA 2022

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR790A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR790A).
2. Establécense dous tipos de apoio ás persoas traballadoras autónomas:
1ª. Para as que cesaron na súa actividade e van volver emprender.
2ª. Para as que cambian de actividade e queren volver emprender noutro sector.

Persoas beneficiarias e requisitos
Serán beneficiarias destas axudas tanto as persoas autónomas que queren volver emprender de novo como as persoas autónomas que queiran cambiar de sector de actividade:
1. Persoas autónomas ou que teñan sido autónomas con anterioridade, e que queren volver emprender:
Serán beneficiarias das axudas as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante tres (3) meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
b) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e estar en tal situación na data inmediatamente anterior á do inicio da actividade laboral.
c) Ter transcorrido un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
d) Ter o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
2. Persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade:
Tamén serán beneficiarias das axudas deste programa as persoas que estean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e iniciasen unha nova actividade nun sector distinto ao anterior, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter cotizado, anteriormente a esta nova alta polo menos durante seis (6) meses ininterrompidos na súa vida laboral, no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
b) Ter un alta como persoa traballadora autónoma nun sector diferente ao anterior, para o que se terá en conta o CNAE e o IAE (modelos 036 ou 037).
c) Ter o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
En ambos casos os requisitos deberán cumprise ben na data da solicitude ou ben na data do inicio da actividade, segundo o caso.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de outubro de 2022.