VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
Obxecto
Establecer, mediante o procedemento con código DE400A, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os/as beneficiarios/as das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.
Persoas beneficiarias
As persoas que cumpran os requisitos seguintes: ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude; estar empadroadas en Galicia no momento de presentar a solicitude; estar cursando estudos universitarios nunha facultade, nunha escola universitaria ou nun ciclo formativo; non ser beneficiarias dunha bolsa como deportista no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD) no momento da solicitude; estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor. Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.