miércoles, 31 de agosto de 2022

PROGRAMA NEOTEC

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ao apoio de entidades que superaron os limiares mínimos establecidos na Resolución do 7 de maio de 2021, da Presidencia do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, E.P.E. (CDTI), pola que se aproba a convocatoria para o ano 2021 do procedemento de concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (programa Neotec), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN870A).

Obxecto
1. Axudas dirixidas a aquelas empresas que, presentándose á convocatoria aprobada pola Resolución do 7 de maio de 2021, da Presidencia do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, E.P.E. (CDTI), de concesión de axudas destinadas a novos proxectos empresariais de empresas innovadoras (programa Neotec), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e do Subprograma estatal de I+D+i empresarial no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020 (en diante, convocatoria de referencia ou convocatoria Neotec de 2021), e superando os limiares mínimos recollidas nela, non adquiriron a condición de beneficiarias por insuficiencia de crédito nela (código de procedemento IN870A).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).
3. As axudas financiarán a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía. Así mesmo, prímase a incorporación de persoas con grao de doutor á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.
As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/o sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tampouco serán obxecto de axuda aquelas iniciativas que non reflictan claramente no seu plan de empresa a continuidade no desenvolvemento de tecnoloxía.

Beneficiarios
1. Terán a consideración de beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, presentando unha solicitude de axuda á convocatoria de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á dita convocatoria, conforme a Resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria do programa Neotec do ano 2021.
Conforme a devandita resolución, os beneficiarios desta convocatoria son pequenas empresas que poden considerarse empresa innovadora conforme os artigos 2 e 3 da convocatoria de referencia, e que dando cumprimento aos requisitos de elixibilidade e superados os limiares mínimos do artigo 11.4 da convocatoria de referencia non alcanzaron a puntuación requirida para ser financiables.
2. Os beneficiarios en función da sede e localización do centro de traballo indicado na convocatoria de referencia deberán cumprir unha das seguintes condicións:
i) Ter sede social e centro de traballo principal en Galicia na data de presentación da solicitude.
ii) Presentar, xunto coa solicitude, unha declaración aclaratoria da motivación de trasladar a súa sede social, sede fiscal e centro de traballo a Galicia no prazo dun mes desde a data de resolución da presente convocatoria.
3. Así mesmo, os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar cotizadas, nin que se engada nunha bolsa de valores, excepto as plataformas de negociación alternativa.
b) Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contado desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
c) Non distribuír beneficios.
d) Ter sido rexistradas ou iniciada a súa actividade económica desde hai 5 anos como máximo.
4. Non poderán adquirir a condición de beneficiario as seguintes entidades:
a) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
b) As empresas en crises conforme a definición contida no artigo 2.
c) As entidades do sector público institucional comprendidas no artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, fóra das sociedades mercantís públicas.
d) As empresas que resultasen beneficiarias, con carácter previo á presente convocatoria, de anteriores axudas do programa Neotec, así como dos convenios de colaboración subscritos entre a Axencia Galega de Innovación e pequenas empresas de Galicia para a execución de proxectos de desenvolvemento empresarial presentados ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial e avaliados de forma favorable, pero non financiados no marco do programa Neotec (convocatoria de 2020), do Subprograma estatal de I+D+i empresarial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.