AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as persoas físicas (autónomos) e as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Estas entidades deberán desenvolver a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia e nalgunha das epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) que se establecen nas bases, e o investimento realizado obxecto da subvención ten que estar localizado nun centro de traballo en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.