miércoles, 12 de agosto de 2020

VII XORNADA DE FORMACIÓN PRÁCTICA DIXITAL (E-MARTES)

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2020 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a VII Xornada de formación práctica dixital (E-martes).

Obxectivos.
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos.
A VII Xornada de formación práctica dixital (E-martes), que terá lugar o vindeiro 1 de setembro, abordará o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia cunha dobre perspectiva:
– Uso interno nas administracións públicas: certificados de empregado público, certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas e portasinaturas corporativo.
– Cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Proxecto Chave 365. Sala electrónica de sinaturas.
A formación constará dunha introdución xurídica e posterior práctica nas aulas de informática da escola.

Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias desta actividade son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. No caso das empregadas e empregados públicos priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

Número de prazas:
Persoal empregado público: 16.
Cidadanía: 13.

Inscrición.
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica» para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais ou «outros» para a cidadanía).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. O prazo para a inscrición nesta actividade estará aberto dende as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 do día 25 de agosto de 2020.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.