martes, 11 de agosto de 2020

BOLSAS DE FORMACIÓN EN PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN NO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 29 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2020, de dez bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D).

Obxecto
Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
f) As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola Resolución do 15 de setembro de 2011.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Outros datos
As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo II a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da documentación indicada na base sexta da orde.

Proxectos de investigación

Os dez proxectos de investigación nos que poderán formarse son os seguintes:
Dicionario galego-italiano; Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía galega; Corpus de referencia do galego actual; Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala; Bases de datos do ALIR; Dicionarios de Literatura.