miércoles, 12 de agosto de 2020

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍA FOTOVOLTAICA PARA 2020-21

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421Y e IN421S).

Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, para o exercicio 2020-2021, que se xuntan á resolución como anexo I (código de procedemento IN421Y e IN421S).
2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.
3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020-2021 que se xuntan á resolución como anexos II a VIII.
4. Publicar o convenio de colaboración para poder tramitar as axudas ás entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos para proxectos de enerxía fotovoltaica, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).
5. Convocar para o ano 2020-2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica.

Entidades beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro.
c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.
As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.
2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo para presentar as solicitudes
1. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou ben unha empresa ou autónomo, a solicitude de axudas presentaranse a través de entidade colaboradora que estea dada de alta na Consellería de Economía, Emprego e industria como empresa con actividade de instalación de baixa tensión (código de procedemento IN609A).
Cando o beneficiario sexa unha Administración local, a solicitude faraa directamente o seu representante.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal) , ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se a entidade interesada presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II) (código de procedemento IN421Y).
3. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 21 de setembro ás 9.00 horas e finalizará o 1 de decembro de 2020 (código de procedemento IN421S).