CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións dirixidas ás persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI426C).
Actuacións subvencionables
Serán subvencionables as seguintes actuacións realizadas na vivenda incorporada ao Programa de vivendas baleiras:
1. Obras de conservación e mantemento.
2. Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.
3. Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.
Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
Requisitos para obter a axuda
Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:
1. Que a vivenda estea situada nun concello que teña asinado o acordo de adhesión ao Convenio entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras.
2. Que as obras para as cales se solicita a subvención fosen consideradas necesarias no informe municipal emitido para a incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.
3. Que a execución das obras sexa posterior á data de emisión do citado informe municipal e anterior á data de incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.
4. Que haxa persoas demandantes de vivenda inscritas no correspondente rexistro municipal na data en que se presente a solicitude da subvención.
5. Que as actuacións subvencionables estean executadas e pagadas, mediante transferencia bancaria ou calquera outro documento bancario acreditativo do gasto, na data da presentación da solicitude da axuda.
6. Que as facturas correspondentes ás actuacións subvencionables estean emitidas dentro do ano natural en que se realice a convocatoria.
7. Que a vivenda non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS a través do Programa de vivendas baleiras.
Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas, segundo se estableza nas resolucións de convocatoria, as persoas físicas, así como as persoas xurídicas privadas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Importes máximos das subvencións
As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 8.000 euros, en ningún caso.