martes, 21 de enero de 2020

AXUDA ECONÓMICA A TRAVÉS DA TARXETA BENVIDA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2020 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019, experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2 e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).
2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2020.

3. Igualmente poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2018 e 2019 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2020 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

 Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2020 e sempre que o fillo ou filla nacese con anterioridade ao seu regreso, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación estando, en todo caso, a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3.

3. Para atender os supostos en que se produza unha variación á baixa da renda da unidade familiar con posterioridade á concesión da axuda que implique ter dereito ás contías previstas no artigo 4.2, habilitarase nos sucesivos exercicios orzamentarios un prazo de dous meses, que se contarán desde o 1 de xaneiro das respectivas anualidades, para comunicar a dita circunstancia mediante a presentación do anexo III.
As familias que obtivesen a axuda xeral de 1.200 € no ano 2018 e 2019 ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019 disporán dun prazo de dous meses desde o 1 de xaneiro de 2020 para esta finalidade, e deberán presentar o anexo III, no caso de ter presentado xa unha solicitude, ou o anexo I no suposto de non ter solicitado a axuda no ano de referencia.

4. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.