martes, 14 de enero de 2020

AXUDAS FINANCEIRAS DO PROGRAMA DE PRÉSTAMOS CUALIFICADOS PARA A REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B).

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.
As comunidades de propietarios/as poderán beneficiarse dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios pero non das axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.
3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o IPREM. Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.
4. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.
5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Solicitudes
1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpore á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto, que estará dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentar, en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. No modelo de solicitude a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.