CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2015 as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.
Liñas obxecto de axuda
De acordo co disposto nas bases reguladoras, as liñas obxecto de axuda son:
a) Liña 1 de axudas para constituír Sofor, sexa con inscrición previa ou con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.
b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.
beneficiarios
1. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 1:
a) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.
b) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.
c) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre que non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.
2. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 2 as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).
3. Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.
4. Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para a liña 1 como para a liña 2, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor.
5. Para obter a condición de beneficiario, deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Solicitantes e beneficiarios deberán acreditar calquera outro requisito exixido nas bases reguladoras.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de marzo de 2015.