viernes, 9 de enero de 2015

AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DO SECTOR VITIVINÍCOLA EN MERCADOS DE TERCEIROS PAÍSES

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e realizar a convocatoria para o ano 2015
Beneficiarios
1. Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Empresas vinícolas, tal como se definen na alínea m) do artigo 2 do Real decreto 1079/2014.
b) As organizacións de produtores, asociacións de organizacións de produtores e organizacións interprofesionais definidas nos artigos 152, 156 e 157 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, recoñecidas polo Estado membro e que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.
c) Órganos de xestión das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas vínicas.
d) Asociacións de exportadores e consorcios de exportación participados exclusivamente por empresas do sector vitivinícola.
e) Entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.
f) As cooperativas de segundo ou ulterior grao que comercializan viños elaborados polas súas adegas cooperativas asociadas.
g) Así mesmo, e no caso de existir suficiente dispoñibilidade de orzamento, tras a aprobación dos programas correspondentes aos tipos de beneficiarios antes indicados, poderán considerarse tamén beneficiarios os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de viños españois en mercados en terceiros países.
Non obstante, conforme o disposto no número 2 do artigo 8 do Real decreto 1079/2014, non serán admisibles as solicitudes de organismos públicos de ámbito nacional, que, en todo caso, deberán ser presentadas ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
2. Os beneficiarios deberán demostrar suficiente capacidade técnica e financeira para afrontar as exixencias de comercio cos terceiros países, e medios para asegurar que a medida se implementa o máis efectivamente posible. Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos, para asegurar a resposta fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente e, en todo caso, rematará antes do 15 de febreiro de cada ano.