martes, 13 de enero de 2015

SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DOS SECTORES DE INDUSTRIA E SERVIZOS PARA O ANO 2015

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto e normativa de aplicación
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial e servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).
3. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013).
 Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou da industria. Para efectos desta orde considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, K, L ,M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas incluídas na Sección C ou D do CNAE-2009, coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo deben estar situados en Galicia.
2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non terán a condición de beneficiarios segundo o disposto no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, as seguintes empresas:
– Aquelas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello.
– Aquelas que operan na produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
– Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:
• Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
• Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela repercuta aos produtos primarios.
– Aquelas cuxas actividades están relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, é dicir, as axudas vinculadas directamente ás cantidades exportadas, ao establecemento e explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.
– Aquelas que condicionen a utilización de produtos nacionais con preferencia sobre os bens importados.
– Aquelas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada e soliciten a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías.
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.