martes, 20 de mayo de 2025

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO NO EXTERIOR 2025

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR803D).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).
Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):
– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
– As organizacións sindicais.
– Comunidades galegas no exterior.
– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con aportes propios.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 19 de mayo de 2025

OPORTUNIDADES DE NEGOCIO: CULTIVO DE CÁNABO

 




OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL TÉCNICO, DE XESTIÓN E DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS PARA O ANO 2025.

 Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025.





CONSUMÓPOLIS 20: SABES O QUE CONSOMES?

 Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2025, conxunta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis 20: Sabes o que consomes? Únete a un consumo máis consciente e solidario (código de procedemento IN114A).

Obxecto
Convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2024/25 Consumópolis 20 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Sabes o que consomes? Únete a un consumo máis consciente e solidario (código de procedemento IN114A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso dos colexios rurais agrupados (CRA) e as escolas unitarias que, polas súas especiais circunstancias xeográficas ou demográficas, teñan dificultades para conformar os equipos unicamente con alumnado de 5º e 6º cursos de educación primaria poderán completar os ditos equipos con alumnado doutros cursos de educación primaria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 23 de maio de 2025.

BONOS ACTIVA COMERCIO 2025



 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

Obxectivos
O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.

Entidade colaboradora
A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A) (DOG núm. 68, do 8 de abril).

Actividade subvencionable
1. Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.
2. As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa bonos Activa comercio.
3. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
4. Os bonos Activa comercio non se poderán utilizar para a adquisición de tarxetas regalo, vales, bonos ou similares.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa
1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
▪ Nome e apelidos ou razón social.
▪ Establecemento comercial en Galicia.
▪ NIF.
▪ Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
▪ Nome comercial.
▪ Enderezo do establecemento comercial.
▪ Número de teléfono móbil.
▪ Correo electrónico.
▪ IAE principal (incluído no anexo I).
▪ IBAN da conta bancaria.
▪ Páxina web do establecemento comercial.
2. A adhesión ao programa bonos Activa comercio será única para todas as edicións do programa que se convoquen no ano 2025.
O prazo de adhesión comprenderá desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de decembro de 2025 ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito da última edición convocada.
3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
4. A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme ao Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
5. Na alta para a adhesión ao programa as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
6. As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar e, no seu caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
7. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
8. O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal
9. As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Presentación da solicitude dos bonos
1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
a) Nome e apelidos.
b) Maioría de idade.
c) DNI ou NIE.
d) Localidade de residencia (código postal).
e) Número de teléfono móbil.
f) Correo electrónico.
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación de estes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
5. Opcionalmente, os bonos poderán solicitarse presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente aos/ás empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Condicións de uso dos bonos
1. En cada unha das edicións convocadas do programa bonos Activa comercio, cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
2. Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
3. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa.
4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os abonos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
5. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá abonar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
6. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.

Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias durante o período de tempo previsto nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa.

viernes, 16 de mayo de 2025

AXUDAS GALICIA EXPORTA EMPRESAS 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2025), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG622A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar a internacionalización das empresas galegas que aínda non exportan ou que contan cunha baixa presenza exterior, así como apoiar as que xa están internacionalizadas para que non só manteñan a súa presenza nos mercados exteriores, senón que a amplíen. Para iso ofrécense axudas que lles permitan aumentar a súa presenza internacional, expandíndose a novos países e diversificando os sectores en que operan. Ademais, considérase adecuado apoiar as pemes galegas que, operando en Galicia, buscan captar clientes estranxeiros, incluíndo tamén como posibles beneficiarias as empresas que estean inmersas en procesos de internacionalización inversa.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable a startups con certificación de Enisa en vigor e aquelas empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. No caso de non estaren inscritas, deberán solicitar a alta a través do procedemento IG192 antes da data de presentación da solicitude.
d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

AXUDAS GRANDES EMPRESAS EN FOEXGA 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.
O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Persoas beneficiarias
As grandes empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais, contando como mínimo cunha páxina web con versión en inglés.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis, segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.
g) Que estean ao día de pagamentos adebedados ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 31 de outubro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.