miércoles, 4 de enero de 2023

PROGRAMA IMPACTO AUTÓNOMOS PARA 2023

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR890A).

Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa Impacto Autónomo, dirixidas a minimizar a suba dos custos de materias primas e das subministracións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores e traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas, con domicilio fiscal en Galicia e que tivesen uns rendementos netos mínimos de actividades económicas realizadas de 10.000 € e un máximo de 30.000 €, no ano 2021.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que acrediten estar de alta ou situación asimilada no momento da presentación da solicitude, e que estivesen de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2021 e no ano 2022.
3. Tamén poden ser beneficiarias as microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, con domicilio fiscal en Galicia e cun mínimo de facturación no ano 2021 de 50.000 € e un máximo de 750.000 euros no mesmo ano 2021.
Considerarase microempresa para efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez persoas traballadoras e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.
4. As persoas ou entidades sinaladas nos números 1, 2 e 3 anteriores que desenvolvan a actividade en establecementos fixos abertos ao público, o establecemento deberá estar aberto ao público durante os 6 meses posteriores á publicación desta orde de axudas.
5. Quedan excluídos desta orde as persoas autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
6. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
7. As persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude
8. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 7 da orde.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 9 de xaneiro de 2023 e remata o 9 de febreiro de 2023.

martes, 3 de enero de 2023

PRESTACIÓN PERIÓDICA PARA MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2023 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto proceder á convocatoria para o ano 2023 das axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.
Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así se exixa pola lexislación vixente, ter permiso de residencia, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais; carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo está permanentemente aberto a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 2 de enero de 2023

NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS PARA 2023

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

Beneficiarios
Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.
b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nas alíneas a) e b) anteriores exceptúanse as circunstancias previstas nas alíneas b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases, cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.

Modalidades de operacións
En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderanse formalizar tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dunha nova operación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30 de decembro de 2023, ás 14.00 horas.

AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS 2023

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 30 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR536A)

Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural, destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas.

Entidades beneficiarias
Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Estar oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma galega para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se for o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE do Consello, e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal (Regulamento sobre cría animal), e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifican o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro, e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.
d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.
e) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).
f) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, poderán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019. Tamén poderán integrarse nunha asociación de segundo grao as asociacións recoñecidas para diferentes razas.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DO PROGRAMA INVESTIGO PARA 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se procede á sua convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento TR349V).

Obxecto
Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2023 das subvencións do Programa Investigo (código de procedemento TR349V).

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde, as seguintes entidades radicadas en Galicia que realicen ou teñan como actividade principal a I+D+i :
– Universidades públicas e privadas.
– Centros, Institutos de investigación e institucións de carácter sanitario públicos e privados.
– Centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, integrados nalgunha consellería, asi como outros centros e organismos públicos de investigación de Galicia.
– Empresas pertencentes ao sector público autonómico, asi como empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e outras empresas pertencentes ao sector privado .
– Centros Tecnolóxicos, Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica e outros centros privados de I+D+i.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitude das axudas desta orde iníciase o 3 de xaneiro de 2023 e remata o 3 de febreiro de 2023.

AXUDAS DE MOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UNIÓN EUROPEA NO MARCO DO PROGRAMA ERASMUS+ NO CURSO 2022-2023

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 24 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2022/23 (código de procedemento ED417A).

Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+.

Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2022/23.

Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

CORRECCIÓN DE ERROS.- CONVOCATORIA DE PROBAS DE APTITUDE PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE XESTOR ADMINISTRATIVO

VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 19 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se convocan as probas de aptitude para a obtención do título de xestor administrativo.