lunes, 10 de mayo de 2021

AXUDAS DESTINADAS ÁS PERSOAS TRABALLADORAS AFECTADAS, CON 55 OU MÁIS ANOS DE IDADE, POLA EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS DE TRABALLO POR PROCEDEREN DE EMPRESAS EN CRISE, 2021

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR820E).

Obxecto
As presentes bases teñen como obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, cumprindo os termos e condicións que se determinan nas presentes bases, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR820E).
Así mesmo, xunto con esta orde procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2021.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran, no momento da presentación da solicitude da axuda regulada na presente orde, os seguintes requisitos:
A) Respecto ao programa I: axudas destinadas a financiar as cotas que se ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.
1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:
a) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas, tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.
b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto, a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a súa conclusión por algunha das causas que recolle o artigo 465 do real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.
c) Que se extinga o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores, este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou na sentencia declarativa.
d) Que se extinguise o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundado nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, o peche da empresa e a causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou na carta de despedimento, esta última deberá vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:
a) Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1 deste artigo.
b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorresen máis de 4 anos desde que se producise a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1 do presente artigo, aínda que con posterioridade teña algún contrato de traballo. Nestes casos, a finalización do derradeiro contrato non debe producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.
3. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo estea situado en Galicia.
4. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo sexa dun mínimo de tres anos.
5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.
6. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.
7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no número 1 deste artigo non supere o importe de 2.600 €.
Nos supostos do punto 2.b) deste artigo, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior, tomaranse tamén as bases de cotización por esa continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.
8. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.
B) No caso do programa II: axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores.
a) Que durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria se extinguise o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.
Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.
Cando se trate de empresas en procedemento concursal, a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a súa conclusión por algunhas das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.
b) Que o importe de indemnización aboada polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.
c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea situado en Galicia.
d) Ter cumpridos 55 anos ou máis.
e) Que a antigüidade na empresa da que proceden sexa dun mínimo de tres anos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde, xunto coa convocatoria do ano 2021, e permanecerá aberto con carácter permanente ata o 31 de outubro de 2021.

PROGRAMA DE AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL (RSE) 2021

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras, para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes, incluídas persoas traballadoras autónomas, para implantar sistemas de xestión de RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarias
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 6 persoas traballadoras.
No caso da liña I (plans de igualdade) terán que contar como mínimo con 15 persoas traballadoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ORDE DO 7 DE MAIO DE 2021 MEDIDAS DE PREVENCIÓN ESPECÍFICAS

 CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

DECRETO 77/2021, DO 7 DE MAIO, POLO QUE SE DECLARA A PERDA DE EFECTOS A PARTIR DAS 00.00 DO 9 DE MAIO DE 2021 DAS MEDIDAS ADOPTADAS POLA PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

DECRETO 77/2021, do 7 de maio, polo que se declara a perda de efectos a partir das 00.00 do 9 de maio de 2021 das medidas adoptadas pola Presidencia da Xunta de Galicia na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

viernes, 7 de mayo de 2021

FEIRAS DE PRIMAVERA NOS ESPAZOS XOVE DE PONTEDEUME, BETANZOS E LALIN


 

Xa te podes inscribir nas Feiras de primavera nos Espazos Xoves de Pontedeume, Betanzos e Lalín:

 

BONO IMPULSO PARA HOSTALARÍA E COMERCIO LOCAL

 ÁREA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA E SOCIAL. SECCIÓN DE PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO

BONO IMPULSO.-. DEPUTACIÓN DE LUGO (BONO PARA HOSTALERÍA E COMERCIO LOCAL) 

Obxecto.
A presente convocatoria ten por obxecto aprobar as bases do programa Bono Impulso-Deputación de Lugo, destinado ao fomento do consumo de bens en establecementos comerciais locais comerciantes polo miúdo e de hostalería (incluídos servizos de aloxamento), desenvolto por persoas empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas da provincia de Lugo.

Obxectivos do programa
• Propiciar o fortalecemento empresarial da provincia de Lugo, empresarias/os autónomas/os, as
microempresas e pequenas empresas do sector comercial comerciante polo miúdo e hostalería (incluído
servizos de aloxamento).
• Manter o emprego e taxas de actividade nos sectores aos que vai dirixido.
• Estimular a demanda e o consumo no ámbito local.
• Paliar o efecto económico provocado por mor da pandemia ocasionada polo COVID19.
• Protexer ás familias, promovendo unha cultura de veciñanza.

Actividade subvencionable.
Subvencionaranse 17.000 bonos para o consumo de bens nos establecementos comerciais locais comerciantes polo miúdo así como establecementos de hostalería (incluídos servizos de aloxamento) adheridos á campaña, a través dun bono-desconto de carácter nominativo e territorial.
Terá a consideración de bono, o desconto por un valor de 30€ sobre unha compra mínima de 60€ nos
establecementos adheridos. Isto significa que cada solicitante obterá un bono de 30€ a condición de que realice 60€ de consumo en calquera dos establecementos adheridos.
Cada consumidor poderá solicitar un bono como máximo, podendo chegar a outorgárselle un segundo bono en caso de excedentes a través dun sorteo, a condición de que, neste sexa necesario acudir a consumidores beneficiarios por non resultar cubertos os excedentes de bonos polos consumidores reserva.
A aplicación dos bonos será efectuada de forma inmediata no momento da compra polos propios
establecementos tras a identificación dos consumidores. A tal sentido, a persoa que realice a compra debe levar o seu DNI.
A modo de exemplo: se unha persoa vai a unha florería e realiza un gasto de 65€, debe pagar 35€ ao
establecemento no momento da compra e os 30€ restantes serán abonados ao establecemento por parte da Deputación de Lugo cando presente este a documentación xustificativa.
Os gastos bonificados son os realizados desde o día seguinte á publicación dos consumidores no BOP e a páxina web de Deputación de Lugo ata o 31 de agosto de 2021, coa excepción dos bonos procedentes do sorteo que se habilitará un período adicional de 15 días hábiles dende o día seguinte á publicación dos consumidores no BOP e a páxina web.

Beneficiarios.
Consideraranse beneficiarios os establecementos adheridos ao programa e en cada un dos que se realizaron consumo cos bonos.

Requisitos dos establecementos para a adhesión ao programa.
Poderán adherirse ao programa Bono Impulso – Deputación de Lugo aqueles establecementos comerciais, locais comerciantes polo miúdo, así como establecementos de hostalería (incluídos servizos de aloxamento) radicados en calquera concello da provincia de Lugo que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser persoas empresarias autónomas, microempresas ou pequenas empresas de conformidade co sinalado polos artigos 2.2 e 2.3 do Anexo I do regulamento (UE) n.º 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación 107 e 108 do Tratado.
b) Non se atopen incursas en ningunha das prohibicións que se establecen no artigo 13.2 da LGS.
Poderán participar aqueles establecementos que no momento da solicitude teñan recoñecidas débedas
tributarias (Axencia Tributaria Estatal e Autonómica), débedas fronte á Seguridade Social e Deputación de Lugo.
Con todo, débense atopar ao corrente no momento de presentación da conta xustificativa. No caso de
establecementos con débedas fronte a Deputación de Lugo, estas serán compensadas co importe da axuda, polo que se detraerá a débeda sobre o pago.
Sen prexuízo de cantas outras formalidades puidesen estar obrigadas a cumprir, a Sección de Promoción Económica e Emprego poderá solicitar en calquera momento documento acreditativo do cumprimento de tales requisitos mínimos. Non se terán en conta nin admitirán as solicitudes presentadas por entidades que non cumpran devanditos requisitos.

-Fases do programa. Distribución dos Bonos Impulso - Deputación de Lugo.
O programa divídese en cinco fases, na primeira o total de bonos (17.000) distribuiranse entre cada un dos concellos da provincia, incluído Lugo capital, atendendo a tres parámetros obxectivos; poboación, número de desempregados e número de empresas de alta no IAE, segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística. Datos de referencia; Poboación (IGE, Padrón 2020), Número de desempregados (IGE, Febreiro, 2021), número de altas IAE (Altas e permanencias IGE, 2019). Establecendo un límite mínimo de 20 bonos e un máximo 5000 bonos por concello.
A distribución dos bonos publicarase no BOP da provincia de Lugo e na páxina vww. deputacionlugo. gal coa denominación Anexo 0 - Reparto bonos por concellos.

Na segunda fase, aqueles establecementos que desexen adherirse ao programa Bono Impulso - Deputación de Lugo, deberán formalizar o correspondente formulario de adhesión que se atopará dispoñible na páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal.
O prazo para que os establecementos comerciais poidan adherirse, será de 15 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria en Boletín Oficial da Provincia, a través do modelo de adhesión en formulario web (Anexo I).
A Deputación de Lugo publicará no BOP e na súa páxina web a listaxe dos establecementos adheridos por concello, así como a relación das solicitudes rexeitadas xunto coa motivación.

Na terceira fase, os residentes de calquera dos concellos da provincia, incluído Lugo capital, poderán solicitar o seu bono, desde o día seguinte á publicación do prazo de apertura de solicitudes na páxina web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal), durante un prazo de 15 hábiles a través de modelo de solicitude normalizado (Anexo II) entregado na oficina do Rexistro Xeral da Deputación de Lugo (situado en rúa San Marcos nº 8) ou en calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39 /2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo común.
Os bonos distribuiranse entre as solicitudes da poboación maior de 18 anos que residan ou estean empadroados nalgún dos concellos da provincia, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, é dicir por orde de presentación de solicitudes e ata a dispoñibilidade orzamentaria e limitación por concello, xa que o obxectivo principal é favorecer o consumo independentemente da situación persoal ou familiar.
No caso de que exista coincidencia no momento de presentación de varias solicitudes, atenderase á hora, minuto e segundo. En caso de persistir empate, o criterio para seguir será a orde alfabética, previo sorteo de letra por parte do órgano instrutor, a partir da cal se establecerá a orde de prelación.
A efectos de valorar o lugar de residencia, salvo outro documento válido, tomarase como referencia o domicilio que conste no DNI a efectos de solicitude e de troco de bono nos establecementos adheridos.
Para iso habilitarase un formulario de solicitude (Anexo II) e os consumidores recibirán o seu bono.
Cada bono debe gastarse nun único establecemento adherido situado no concello de residencia/empadroamento dos consumidores. De forma excepcional no caso que non existan establecementos adheridos no concello poderán consumirse en calquera dos establecementos adheridos da provincia independentemente do lugar de residencia.
Os únicos gastos que non se consideran subvencionables son: as bebidas alcohólicas non alimentarias, tabaco e loterías deixando de manifesto que tanto a hostalería (incluídos servizos de aloxamento) como estancos poden participar xa que ofertan máis produtos no seu establecemento.
A Deputación de Lugo non se fará cargo de bonos en número superior aos 17.000 bonos xerados.

Organizarase unha cuarta fase no caso de que finalizada a fase III queden bonos pendentes de asignar,
procedéndose do seguinte modo: publicarase unha listaxe dos bonos pendentes por concello, esta listaxe
actualizarase cada 10 días na páxina web, condicionado ao volume de solicitudes. Abrirase un prazo
ininterrompido ata o 15 de xullo de 2021 para a súa concesión.

Na quinta fase, finalizado o prazo máximo para o consumo (31 de agosto de 2021), en caso de seguir existindo bonos sen asignar, procederase a un sorteo entre os solicitantes reserva e, no caso de ser necesario, entre o total dos consumidores a través dun acto público tal e como se indica no Base 13.
Dende o día seguinte á publicación no BOP e a páxina web da concesión do bono por sorteo, o consumidor dispón de 15 días hábiles para facelo efectivo, é dicir, efectuar o seu consumo no seu lugar de residencia e no caso de que non haxa establecementos adheridos, en calquera dos establecementos adheridos da provincia.
Con todo, se o estado da demanda ou a situación epidemiolóxica que estamos a sufrir así o aconsellasen
poderán efectuarse axustes á devandita distribución, entre os distintos Territorios, a fin de posibilitar que se distribúan o maior número de bonos entre os consumidores e que se fomente en maior medida o consumo.

jueves, 6 de mayo de 2021

PRESTAMOS DIRECTOS PARA O FINANCIAMENTO EMPRESARIAL EN GALICIA

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos: préstamos para investimentos estratéxicos, préstamos para financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais e préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I das bases reguladoras.
c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.
Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de decembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.