miércoles, 15 de abril de 2015

AXUDAS PARA A CONSERVACIÓN, PROTECCIÓN E MELLORA DAS ÁRBORES E FORMACIÓNS SENLLEIRAS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora.
2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia polo sistema de rateo, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, son de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os concellos, propietarias das árbores incluídas no anexo I ou formacións incluídas no anexo II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e sempre e cando estas árbores e/ou formacións estean incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.
2. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cando unha mesma persoa ou entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude que abranguerá todas as árbores e/ou formacións para as que se solicita a axuda.
3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou que foran sancionadas por infraccións ao Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.
Prazo de solicitude: ata o 15 de maio de 2015.

viernes, 10 de abril de 2015

SUBVENCIÓN A SALAS DE ARTES ESCÉNICAS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o fomento da estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera organismo dependente.
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.
4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios da subvención
Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2015. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza á asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a que solicita a axuda na actividade correspondente.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de solicitude: ata o 11 de maio de 2015.

PROGRAMA INICIATIVA XOVE

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2015, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Persoas destinatarias
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Requisitos
Para seren beneficiarias da axuda a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da solicitude:
1. As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán de estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a inadmisión a trámite da solicitude.
4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.
5. En ambos os casos é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do cal formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.
Prazo de solicitude: ata o 11 de maio de 2015.

PROGRAMA DESEÑANDO O TEU FUTURO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 27 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas en empresas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.
3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Beneficiarios/as
1. Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:
A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que lle presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.
B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.
B.I. Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:
a) Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na que estean integrados ou da cal dependan.
b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva.
c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.
O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.
B.II. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores, nas que non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención, e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local, non serán admitidas a trámite.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Proxectos subvencionables
1. Os proxectos para os que se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:
a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.
b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2015.
c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.
d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 30.
Prazo de solicitude: ata o  11 de maio de 2015.

jueves, 9 de abril de 2015

PREMIOS CAMIÑO DE SANTIAGO 2015

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto e réxime
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aquela outras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como a posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio.
En todo caso as actuacións ou accións premiadas deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Os premios do Camiño de Santiago constarán das seguintes categorías:
1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.
2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentados polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativos, con dúas modalidades:
a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.
b) Os traballos de carácter educativos relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Aos premios, que serán do importe que cada ano estableza a convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderán outorgarse de maneira individual ou compartida, ou declararse desertos.
Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terá dotación económica.
4. Os/as premiados/as recibirán un diploma e o importe do premio que lle será pagado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre os/as galardoados/as.
5. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.
6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Beneficiarios/as
1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías que se establecen no artigo anterior:
a) Os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e ás áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto.
Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.
b) As asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, legalmente constituídas.
c) As persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
d) As universidades, centros de investigación ou similares.
e) Os centros de ensinanza de educación primaria e secundaria de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os concellos, así como as agrupacións e resto de entidades locais da alínea a) do punto 1 deste artigo deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberao acreditar cada un dos concellos integrantes da agrupación.
4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.
O prazo de presentación de candidaturas: Ata o 9 de maio de 2015.

miércoles, 8 de abril de 2015

SUBVENCIÓN DE CREACIÓN AUDIOVISUAL GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para este ano 2015.
Modalidades
1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:
Modalidade A. Subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.
Modalidade B. Subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.
Modalidade C. Subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.
2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea. sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.
2. Poderán optar as subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade dun ano establecidas, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 8 de maio de 2015.