viernes, 10 de abril de 2015

PROGRAMA DESEÑANDO O TEU FUTURO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 27 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas en empresas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.
3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Beneficiarios/as
1. Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:
A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que lle presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.
B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.
B.I. Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:
a) Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na que estean integrados ou da cal dependan.
b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva.
c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.
O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.
B.II. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores, nas que non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención, e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local, non serán admitidas a trámite.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Proxectos subvencionables
1. Os proxectos para os que se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:
a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.
b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2015.
c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.
d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 30.
Prazo de solicitude: ata o  11 de maio de 2015.