viernes, 11 de abril de 2025

AXUDAS FOEXGA 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Foexga (Fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva.

Obxecto
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas Foexga coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O obxectivo principal destas axudas é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores. As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Entidades beneficiarias
Serán entidades beneficiarias as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran a definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con polo menos un traballador no momento de presentación da axuda.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin da execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais, contando como mínimo cunha páxina web con versión en inglés.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.
g) Que estean ao día de pagamentos que deban ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes da axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras, contado desde as 9.00 horas do día do inicio do prazo e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2025, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito. O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles contados a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG422A).