CONSELLERÍA DO MAR
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de persoas con titulación universitaria de licenciada/o ou de grao no campo da investigación mariña, así como convocar dúas bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento administrativo PE609E).
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. Estar en posesión do título universitario de licenciado/a ou de grao en bioloxía ou ciencias do mar. As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a esta titulación no ano 2020 ou posterior.
2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.
4. Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación para a especialización en materias de investigación mariña na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.
5. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
6. Non ter a titulación de doutor/a, nin atoparse matriculado nun programa de doutoramento do Sistema universitario nacional.
7. Estar en posesión do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.