VALEDOR DO POBO
Obxecto
As bolsas terán por obxecto a formación práctica no Valedor do Pobo de persoas con discapacidade psíquica, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.
Requisitos
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir todos os seguintes requisitos:
• Nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas.
• Ser persoas con discapacidade psíquica (por mor de enfermidade mental) nun grao igual ou superior ao 33 %.
• Non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.
• Ser maior de 18 anos.
• Ter un coñecemento do galego como idioma propio de Galicia cun nivel Celga 4 ou equivalente.
As persoas en que concorran discapacidade intelectual e psíquica só se poderán presentar a unha das convocatorias do ciclo de dous anos en que se fagan ambas, é dicir, dentro dos dous anos en que se dean de forma sucesiva ambas as convocatorias, poderán presentarse á de discapacidade psíquica ou á de discapacidade intelectual, pero non ás dúas.
Asignacións
As persoas beneficiarias da bolsa disporán de:
a) Unha asignación de 15.600 euros brutos anuais, que se percibirán logo de finalizado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.300 € mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.
b) Protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.
c) Un seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.
Duración
As bolsas terán a duración dun ano, desenvolveranse de forma simultánea e non poderán ser prorrogadas.
Ao finalizar, entregarase un certificado acreditativo.
Convocatoria e solicitudes
1. Convocatoria.
A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web do Valedor do Pobo.
2. Presentación das solicitudes.
As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no Rexistro do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.
3. Solicitudes e documentación.
As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:
• Escrito de solicitude dirixido á valedora do pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.
• Copia do DNI ou equivalente.
• Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.
• Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
• Relación de méritos e circunstancias que o/a solicitante somete a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e ás circunstancias que figuren nese anexo.
4. Prazo de presentación.
O prazo de presentación será de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
5. Requirimento de documentación adicional.
A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.
6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.
A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da persoa interesada ou de quen sexa debidamente autorizado, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.