miércoles, 5 de abril de 2023

PREMIOS GALICONS-NET 2023

 INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN116A).

Participantes
Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2022/23 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Categorías de participación
1. Establécense catro categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.
– Categoría D: alumnado de educación especial.
2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.
3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación máis elevada.

Premios
Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 5 de maio de 2023.