PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, incluído.