CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, a través dun procedemento baixo o réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento administrativo BS215A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos.
b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA).
d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitada a situación de dependencia.
2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2023.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.