jueves, 24 de noviembre de 2022

AXUDAS PARA A FORMACIÓN NO ÁMBITO DO TRANSPORTE POR ESTRADA EN GALICIA

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

ORDE do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2023 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF318A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia (código de procedemento IF318A), ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.
2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2023.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.Entidades beneficiarias

 Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan acreditada e recoñecida a súa representatividade no marco do sector profesional por resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade ao vencemento do prazo para presentar as solicitudes previstas nesta orde para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte.
As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.
No caso de asociacións integradas en federacións ou confederacións integradas no Comité Galego de Transporte por Estrada, poderán ser beneficiarias das axudas nos termos indicados nesta orde sempre que a súa propia representatividade conste definida na documentación achegada pola federación ou confederación para acreditar a súa propia representatividade.
2. As entidades indicadas no punto anterior non deberán, no momento de presentar a solicitude, estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes e prazo de presentación
1. Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo II a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF318A.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.
A solicitude irá xunto coa documentación a que se fai referencia no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica, permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp; non obstante a descrición detallada dos cursos incluídos no plan a que se refire a letra g) do punto 1 do artigo 6 deberá presentarse necesariamente en formato xls, xlsx ou compatible, e de acordo co modelo facilitado para tal fin pola Dirección Xeral de Mobilidade).
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:
a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nesta orde, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.
b) Autenticidade dos datos facilitados.
c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas, e realice tanto mediante os seus propios medios, como mediante a colaboración de servizos externos.
d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías, ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.
f) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.