CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:
a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 15 de xullo de 2022 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2023). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:
– Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos desde a data da presentación da solicitude da axuda, ou, no suposto de non estaren adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.
– Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite establecida na orde para xustificar a axuda.
A data límite será o 31 de outubro de 2023, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
Os solicitantes non poderán ter sido beneficiarios dunha axuda análoga da Xunta de Galicia para o mesmo vehículo nos termos indicados no artigo 4.2.c).
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.
2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberanse axustar ás seguintes regras:
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que para a mesma autorización a persoa interesada acadase a condición de beneficiario/a con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia para esta mesma finalidade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2023.
Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente se deberá anexar en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).