viernes, 7 de octubre de 2022

PROGRAMA BENESTAR EN BALNEARIOS 2022

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 26 de setembro de 2022 pola que se regula a oferta de estadías en establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2022 e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

Obxecto
1. Esta orde ten como obxecto establecer o procedemento de concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).
2. Para tal efecto, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lles permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.
2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) Polo seu ou pola súa cónxuxe ou, se for o caso, a parella de feito ou persoa con quen teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).
b) Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).
c) Por unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo e presentación de solicitudes
1. As solicitudes formularanse no modelo normalizado que se indica no anexo I. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).
3. O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.