CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Obxecto
O outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación desta orde, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.
As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial no que desenvolven a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2019 e rematará o 4 de febreiro de 2019.
Outros datos
Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo II a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF318A.
Entre outra documentación, a solicitude deberá ir acompañada dunha descrición detallada dos cursos que se pretenden ofertar, que deberá presentarse necesariamente en formato xls, xlsx ou compatible, e de acordo co modelo facilitado para tal fin pola Dirección Xeral de Mobilidade.