viernes, 9 de noviembre de 2018

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS A EMPRESAS ILLADAS EN ZONAS RURAIS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVIZOS DE BANDA LARGA ULTRARRÁPIDA

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA


Obxecto
Por medio desta resolución convócase a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, modificado tras a Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018 (procedemento administrativo PR604A), para o exercicio 2019.
Contía da axuda
1. Os solicitantes deberán indicar no anexo I a porcentaxe de subvención que solicitan sobre os gastos subvencionables, o que será valorable de conformidade co disposto no artigo 19 das bases reguladoras.
2. A intensidade da subvención que se poida conceder a cada beneficiario coincidirá coa indicada na súa solicitude cun máximo de 20.000 € de subvención por proxecto subvencionado e beneficiario, sen menoscabo das limitacións adicionais que estableza o marco normativo de aplicación. Os proxectos subvencionados pertencentes a agrupacións de empresas tamén estarán limitados a este importe máximo por proxecto.
Xustificación da execución
1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 31 de outubro de 2019.
2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse ata o 31 de outubro de 2019.
3. En todo caso, a execución de investimentos por un solicitante con carácter previo á resolución de concesión da subvención non xerará dereitos no caso de que o solicitante non resulte beneficiario.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes fíxase desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de xaneiro de 2019.
Requisitos das persoas solicitantes:
1. Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, de xeito individual as empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, así como as agrupacións de empresas privadas que acrediten, coa solicitude de subvención, o cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.
b) Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.
c) Non estar situada a empresa dentro dun polígono industrial ou dentro dunha entidade singular de poboación que xa conte con acceso a redes de banda larga ultrarrápida ou que dispoña de plans de despregamento en curso para estas redes, debendo estar polo tanto a empresa illada destas redes.
Especialmente, consideraranse polígonos con plans de despregamento en curso aos polígonos beneficiados ao abeiro da Resolución do 8 de abril de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga de nova xeración de moi alta velocidade en polígonos industriais para o desenvolvemento da industria 4.0 en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2016-2018 (procedemento administrativo PR603A, DOG do 22 de abril de 2016).
Especialmente, consideraranse entidades singulares de poboación con plans de despregamento en curso a aquelas entidades beneficiadas ao abeiro da Resolución do 11 de xaneiro de 2018, da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A, DOG núm. 10, do 15 de xaneiro de 2018).
d) Solicitar e obter tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, agás que polas especiais características dos gastos ou a localización en que se pretende levar a cabo o proxecto non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
2. No caso de solicitude presentada por unha agrupación sen personalidade de empresas privadas, sexan persoas físicas ou xurídicas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
As agrupacións rexeranse por calquera instrumento xurídico válido en dereito que as regule, onde se acredite un acordo de vontades de todas as empresas participantes na agrupación, e con carácter previo ao remate do prazo de presentación de solicitudes que fixe a convocatoria. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no instrumento xurídico válido que se realice para ese efecto. O líder presentará a solicitude e, de ser o caso, recibirá a subvención concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da subvención, conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán solicitar nin ser beneficiarias as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, agás as agrupacións xa indicadas, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro aínda que realicen actividade económica, nin as persoas físicas que non realicen actividade económica.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarios:
a) As persoas en que concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.
b) As empresas en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) e o disposto no Regulamento de exención por categorías.
c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común».
Dous. O artigo 12, Comprobación de datos para a tramitación do procedemento, queda redactado no punto 1, do seguinte modo:
«1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Número de identificación fiscal (NIF) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.
b) Documento nacional de identidade (DNI) da persoa representante que asine a solicitude e/ou, de ser o caso, da persoa solicitante. Cando algunha persoa sexa estranxeira residente, consultarase o número de identidade de estranxeiro (NIE).
c) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia».
Tres. Engádese un punto 1.bis no artigo 13, Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento, tal e como segue:
«1.bis. No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de empresas privadas, achegarase a seguinte documentación:
a) Declaración individual, de cada unha das empresas integrantes da agrupación, de conformidade de participación no proxecto e autorización a favor do representante da agrupación.
b) Declaración responsable, de cada unha das empresas integrantes da agrupación, das axudas de minimis, outras axudas solicitadas ou recibidas e cumprimento de requisitos para ser beneficiario.
c) Datos de localización da ubicación para a que se solicita a subvención en todas as empresas».