ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA
Obxecto
O obxecto desta resolución é a convocatoria das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas e a súa expedición.
As probas rexeranse polo establecido nesta resolución e nas bases xerais recollidas na Orde do 21 de abril de 2010 (DOG nº 78, do 27 de abril).
Os códigos dos procedementos regulados son PR471A e PR472A.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.
b) Copia do xustificante, de ser o caso, de ter unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, no suposto que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
c) Dúas fotografías tamaño carné de identidade co nome e apelidos escritos no dorso.
d) Certificación de aptitude dos niveis de lingua galega oral, iniciación ou perfeccionamento ou equivalentes (Celga 1, 2, 3 e 4) cando non fose expedido directamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Lugar e prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes do procedemento PR471A presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medio electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.