INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para o exercicio 2018, que se xuntan a esta resolución como anexo I. No caso das tipoloxías de proxectos cofinanciadas con fondos Feader irán destinadas exclusivamente a zonas rurais (IN421H, IN421I).
2. Seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.
3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2018 que se xuntan a esta resolución como anexos II a IX.
4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a particulares para proxectos de enerxías renovables, ao cal se deben adherir as entidades colaboradoras (anexo X).
5. Convocar para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables e a mellora dos servizos básicos e renovación da poboación nas zonas rurais para equipos térmicos de biomasa.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas propietarias de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 3 se realice en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non podendo estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas presentaranse polas entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido nos artigos 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II).
3. O prazo de presentación das solicitudes de axudas será de un (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.