CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2018 (código BS410A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2018 (nados entre o 2.1.2015 e o 1.1.2018, incluídos) e que, durante o ano 2016, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.
No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2016 e o 31 de decembro de 2017, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou o acollemento.
2. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.
3. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor por que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.
4. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.
5. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.
6. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de trinta e cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.