CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Obxecto
Establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación; licenciatura ou grao en Historia ou Xeografía e Historia, Filoloxía ou Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Humanidades.
– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio da orde.
– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, a xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.
– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.
A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.