CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar as subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2017 coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras con maiores dificultades de inserción laboral.
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas deberán facer constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
3. O prazo para presentar as solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.