martes, 29 de agosto de 2017

PREMIOS Á EXCELENCIA DA CALIDADE HIXIÉNICO-SANITARIA DE PRODUTORES DE LEITE CRU DE VACA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto da orde
1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL. Estes premios terán carácter anual.
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.
3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse os I premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia para o ano 2017.
Obxecto dos premios
Os presentes premios teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.
Os premios distinguirán as explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñeceranse tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
Beneficiarios
Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL, de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia.