martes, 29 de julio de 2014

BANDO I.V.T.M. 2014


AXUDAS ÁS EMPRESAS DO SECTOR TEXTIL-MODA-CONFECCIÓN PARA ACTUACIÓNS E ESTRATEXIAS DE PROMOCIÓN E INTERNACIONALIZACION

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Proxectos obxecto de apoio e exclusións
Co obxectivo de incentivar a realización de actuacións de difusión e promoción xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas do sector téxtil moda confección nos mercados externos a Galicia, tanto estatais coma internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:
1.1. Actuacións de difusión:
a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de campañas ou insercións en prensa, revistas, internet e valos publicitarios, sempre que a súa difusión se realice fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizadas a través da elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, que conteñan información da empresa beneficiaria e que contribúan á divulgación e coñecemento dos seus produtos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
1.2. Actuacións de promoción:
a) Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que teñan lugar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto a participación en feiras incluídas no Plan Foexga (publicado na web do Igape) a non ser que non se poida participar na acción Foexga por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao beneficiario.
b) Eventos promocionais, realizados fóra de España, tanto se teñen por obxecto a presentación da marca e/ou produto ao mercado, como a propia empresa a potenciais clientes, socios ou inversores. Podendo tratarse de actuacións levadas a cabo de forma individual ou conxunta con outras empresas galegas, sexan ou non do sector téxtil-moda.
1.3. So se concederá un expediente por beneficiario, no que se poderán incluír varios proxectos dos mencionados.
1.4. Non se concederá nin liquidará axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, presenten un gasto subvencionable inferior a 6.000€ (16.000€ no caso de grandes empresas).
Beneficiarios
4.1. Poderán ser beneficiarios, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas privadas pertencentes ao sector téxtil moda confección con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que figuren dadas de alta nas agrupacións 43, 44 e/ou 45 do imposto de actividades económicas ou no grupo 613, en Galicia.
4.2. Os solicitantes que non teñan experiencia exportadora previa terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape. Os solicitantes que non dispoñan do diagnóstico citado anteriormente pero teñan experiencia exportadora previa, deberán acreditar a dita experiencia exportadora que deberá ser validada por Igape.
A solicitude de ambos: diagnóstico e validación da experiencia exportadora deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda (a través do procedemento do Igape IG 192).
4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE nº 651/2014 da Comisión do 17 de xuño de 2014). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de solicitude: ata o 29 de agosto de 2014

SUBVENCIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS EN LINGUA GALEGA

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto:  Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madurez dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2014.
A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que estean en fase inicial de desenvolvemento e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2014 e 2015.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
2. Os beneficiarios deberán ter un contrato cun autor ou guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.
3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, de ser o caso, o reintegro das cantidades percibidas.
Prazo de solicitude: ata o 29 de agostos de 2014.

lunes, 28 de julio de 2014

AXUDAS AOS ORGANISMOS INTERMEDIOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS E ESTRATEXIAS DE PROMOCIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN DAS Eª GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Proxectos obxecto de apoio e exclusións
1.1. Co obxectivo de incentivar a realización de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:
a) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.
b) Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro.
c) Participación ou visita en/a feiras e outros eventos expositivos (desfiles, catas,…) de carácter profesional que teñan lugar no estranxeiro, excepto a participación en feiras e eventos incluídos no Plan Foexga (publicado na web do Igape) a non ser que non se poida participar na acción Foexga por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao beneficiario.
d) Misións empresariais inversas de calquera país estranxeiro a Galicia, de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades empresariais de Galicia e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.
e) Corners, showrooms ou similares no estranxeiro.
f) Outras accións promocionais colaborativas que teñan como obxectivo dar a coñecer as posibilidades empresariais de Galicia no estranxeiro.
1.2. So se concederá un expediente por beneficiario, no que poderase incluír varios proxectos dos mencionados.
1.3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 15.000 euros.
Prazo de solicitude: ata o 28 de agostos de 2014.

CORRECCION DE ERROS.- PROBAS PARA O TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS POR ESTRADA OU FERROCARRIL.

MODIFICACIÓN .- AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS E FORESTAIS

BOLSAS A ESTUDANTES UNIVERSITARIOS/AS QUE PARTICIPEN EN PROGRAMAS DE MOBILIDADE

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 100 bolsas destinadas ao alumnado universitario matriculado nunha universidade do Sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe, no curso 2014/15, en programas de intercambio relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus
Período e dotación da bolsa
1. O programa de mobilidade para o que se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2014/15.
2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo de 1.000 euros.
 Requisitos dos/as solicitantes
Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2014/15 en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.
b) Ter cursados os últimos tres anos académicos nalgún centro ou universidade da Comunidade Autónoma.
c) Os estudantes extracomunitarios non poderán realizar o intercambio con universidades do seu pais de orixe.
d) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe (universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia).
e) Non ter gozado desta bolsa de mobilidade en convocatorias anteriores.
Prazo de Solicitude: ata o 25 de agosto de 2014.