Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
miércoles, 23 de abril de 2025
AXUDAS REGA 2025
Obxecto
Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.
Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasionase a residencia fose maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación e as persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.
Ademais das axudas recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos seis proxectos o seguinte:
– O espazo de traballo para poder ser utilizado un mínimo de tres semanas e un máximo de seis semanas, en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.
– Os recursos humanos propios do seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e o horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.
– A persoa mentora que acompañará cada proxecto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.
martes, 22 de abril de 2025
AXUDAS Á COOPERACIÓN PARA PROMOVER A PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES EN RÉXIMES DE CALIDADE DOS PRODUTOS AGRÍCOLAS E ALIMENTICIOS 2025
Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Obxecto
A resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para promover a participación de agricultores nos réximes de calidade, de acordo coa intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, de conformidade coas disposicións aplicables á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) (código de procedemento MR362A).
Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento dos requisitos do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol. No caso das persoas beneficiarias por comezaren a actividade nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación. Poderase cobrar un máximo de cinco anualidades e sempre dentro dos sete anos posteriores á incorporación ao réxime de calidade.
Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, ou que participasen por primeira vez nos cinco últimos anos. En todo caso, a data de alta debe ser anterior á data final do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do simple autoconsumo.
Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de maio de 2025.
SUBVENCIÓNS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO 2025
Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
CONVOCATORIA PROBAS E INSTRUCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN DO ALUMNADO NAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES DE GALICIA CURSO 2025-26
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso aos estudos de grao en ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2025/26 e ditar instrucións sobre os aspectos organizativos e o desenvolvemento do procedemento.
2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais, desígnanse os tribunais e publícanse os calendarios específicos para cada ensinanza artística superior nos seguintes anexos:
a) Anexo I: Ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática.
b) Anexo II: Ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
c) Anexo III: Ensinanzas artísticas superiores de Deseño.
d) Anexo IV: Ensinanzas artísticas superiores de Música.
3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas superiores será publicada a través do portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros e páxinas web dos centros educativos correspondentes.
CONVOCATORIA DE PROBAS E INSTRUCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN DO ALUMNADO NAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS PROFESIONAIS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO DE GALICIA CURSO 2025/26
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as probas de acceso para as ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ditar instrucións para o curso 2025/26 no ámbito da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para o efecto de cumprir o punto anterior, dítanse as instrucións xerais e establécense os anexos e calendarios específicos inseridos do seguinte xeito:
a) Acreditacións que permiten a exención das probas substitutivas do requisito de titulación para os accesos aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo I.
b) Titulacións que permiten a exención das probas específicas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo II.
c) Temporalidade, configuración e cualificación da proba que substitúe os requisitos académicos de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria no anexo III e de titulación de bacharelato no anexo IV.
d) Temporalidade, estrutura, contidos e cualificación da proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao medio no anexo V e para o ciclo formativo de grao superior no anexo VI.
e) Resumo do calendario das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio e superior: anexo VII.
f) Documentación que as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude segundo corresponda para o acceso aos ciclos formativos de grao medio no anexo VIII e para os ciclos formativos de grao superior no anexo IX.
g) Orde de prelación para a asignación de prazas ás persoas aspirantes con acceso directo ao grao medio e ao grao superior: anexo X.
h) Composición da Comisión de Avaliación para o acceso aos ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño: anexo XI.
i) Modelo de certificacións acreditativas de superación das probas: anexo XII.
3. A oferta de prazas en cada centro de ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño será publicada a través do portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal) e dos taboleiros dos centros educativos correspondentes. Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e para a prelación na asignación das prazas ofertadas, observarase o disposto na Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.
4. Segundo se establece no artigo 6 da Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, en cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo no caso da oferta modular das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. As condicións, os criterios e as probas de acceso serán os mesmos que os regulados para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, segundo o establecido nesta resolución.
BOLSAS DO PROGRAMA SANTANDER EXCELENCIA 360º NO CURSO 2024/25
Universidade de Vigo
Obxecto.
O obxecto desta convocatoria é facilitar o acceso á educación superior ao estudantado con excelentes expedientes académicos e fomentar a inclusión educativa velando polos criterios de igualdade e equidade social (económica ou cultural).
Persoas beneficiarias
Alumnado que rematou unha titulación de grao na Universidade de Vigo no curso 2023/24, que está matriculado no curso 2024/25 en 60 créditos dalgunha das titulacións de máster universitario da Universidade de Vigo e que ten unha nota de acceso ao máster igual ou superior a 8,5.
Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de doce mil euros (12.000 €).
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 11 de abril ata o 15 de maio de 2025.
miércoles, 16 de abril de 2025
PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT) 2025
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas dentro do primeiro ano de actividade:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
d) Apoio á función xerencial.
Persoas beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa lles corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos sete días naturais contados desde o día da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2025.