miércoles, 9 de agosto de 2023

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN SERVIZOS BÁSICOS LOCAIS EN ALDEAS MODELO E ÁMBITOS TERRITORIAIS VINCULADOS AOS INSTRUMENTOS DE RECUPERACIÓN DA TERRA AGRARIA

 AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023 pola que se modifica a Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR711D).

AMPLIACIÓN DE CRÉDITO DAS AXUDAS Á HABILITACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES EMPRESARIAIS DE GALICIA 2023

 CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

ORDE do 21 de xullo de 2023 pola que se amplía o crédito da Orde do 14 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN519B).

AXUDAS PARA APOIO AOS INVESTIMENTOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS ESPECIALIZADAS EN PRODUCIÓN VEXETAL 2023

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 24 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR419A).

Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal (procedemento MR419A), no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4, Investimentos en activos físicos; submedida 4.1, Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, que contribúe directamente ás areas focais 2A (mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular con obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola) e 5D (reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura), e convocalas para o exercicio orzamentario 2023.

Persoas beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas as persoas titulares de explotacións agrícolas inscritas no Reaga con orientación técnica económica principal en:
1. Horticultura ao aire libre.
2. Horticultura en invernadoiro.
3. Horticultura e cultivos diversos.
4. Cultivos leñosos.
5. Sementes e plántula de hortalizas.
6. Pataca.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

AMPLIACIÓN DE CRÉDITO DAS AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

 AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023 pola que se amplía o crédito da Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

ESGOTAMENTO DE CRÉDITO DE SUBVENCIÓNS PARA O IMPULSO DUNHA REDE DE MERCADOS EXCELENTES DE GALICIA E DINAMIZACIÓN DAS PRAZAS DE ABASTOS 2023

 CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN223A).

BOLSAS DE FORMACIÓN EN PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN NO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES 2023

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 19 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2023, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D).

Obxecto
Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que se sinalan nos anexos da orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes ao curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE número 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

PROGRAMA REENCONTROS CON GALICIA 2023

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento EM926G).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2023, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores da Galicia exterior, mediante un período de estadía na residencia dependente da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía na residencia das persoas emigrantes galegas con escasos recursos económicos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023, código de procedemento EM926G.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Ter a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2013-2023).
d) Ter 65 anos feitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2018 en diante.
f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
g) Ter uns ingresos persoais inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderán superar a contía resultante de multiplicar por 2,5 o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia, e no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha. O resto das persoas solicitantes terá que pagar cincocentos (500) euros para contribuír aos gastos do desprazamento desde o país de orixe ata Galicia.
Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo coma do capital, así coma calquera outro substitutivo daqueles.
Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
h) Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles se deciden prolongar a súa estadía en Galicia.
2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, coa condición de que teñan a súa residencia en América, leven convivindo coa persoa solicitante polo menos un ano, cumpran os requisitos establecidos nas alíneas e) e f) e presenten a documentación xustificativa.
O feito de levar convivindo polo menos un ano poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. Para o caso de ter descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.