lunes, 3 de febrero de 2020

SUBVENCIÓNS PARA SUFRAGAR GASTOS DE FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADESS ASOCIATIVAS GALEGAS DE PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos.

Entidades beneficiarias
Programa de entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas. Serán beneficiarias aquelas entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial que estean inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral de presentación de solicitudes do programa regulado nesta orde será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA PROGRAMAS DIRIXIDOS A MULLERES EN SITUACIÓN DE ESPECIAL VULNERABILIDADE

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, coa finalidade de que poidan acadar unha maior autonomía e independencia de cara a mellorar a súa situación persoal, social e laboral, mediante o apoio a programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada que respondan a un dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación.
Son subvencionables os gastos e as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan domicilio social ou delegación en Galicia e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

PREMIOS E AXUDAS AOS PROXECTOS AGRUPADOS INDUSTRIA 4.0 EN GALICIA 2020

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes non inferior a 5, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

Beneficiarios
Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:
a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.
b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.
Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan unha actividade no ámbito da nova industria.
Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e, polo menos, cinco pemes galegas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS RELATIVAS AO PLAN DE TRANSICIÓN A UNHA MOBILIDADE EFICIENTE

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a adquisición no ano 2020 de vehículos de transición a unha mobilidade eficiente por parte de persoas físicas e empresas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentaranse a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a seguir:
a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
2. Non serán beneficiarios destas axudas:
a. Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobada polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa o 615.1 ou 654.1.
b. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c. As empresas en crises están excluídas, excepto cando se trate de reximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.
d. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de setembro de 2020 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 21 de febreiro de 2020 as 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2020 ou cando se esgoten os fondos.
3. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

AXUDAS PARA A CONTINUIDADE DE CASAS DO MAIOR

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2020, de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha no ano 2019.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212B.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarios autónomos ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante o ano 2019, puxeran en marcha unha casas do maior.
Só poderán acceder ás axudas aqueles promotores/as de Casas do Maior que contaran alo menos cunha persoa usuaria ao longo do ano 2019 ou respecto das cales exista solicitudes de persoas usuarias pendentes de tramitación, na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como última día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e si no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

CORRECCIÓN DE ERROS.- SUBVENCIÓN PARA CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS PARA PROXECTOS DE BIOMASA DESTINADAS A PARTICULARES

CORRECCIÓN DE ERROS:CONVOCATORIA DE CURSOS DE LINGUA GALEGA PREPARATORIOS DAS PROBAS PARA OBTER OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 E CELGA 4