martes, 25 de septiembre de 2018

SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).
O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa:
a) Liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Liña II: actuacións de inclusión social.
c) Liña III: actuacións destinadas á atención, promoción da autonomía persoal e apoio das persoas maiores ou a persoas con discapacidade.
d) Liña IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas con discapacidade.
e) Liña V: actuacións destinadas á xuventude.
f) Liña VI: actuacións destinadas ao voluntariado.

Persoas beneficiarias
Entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n de estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), no Rexistro de Entidades Xuvenís ou ben no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa encomenda con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c)Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán de solicitar as axudas a través de estas.
g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no parágrafo anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención a aplicar a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
Consideraranse como gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios, que se efectúen durante o ano 2019 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de febreiro de 2020.
O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2018.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 50 puntos.

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA NA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA DAS PERSOAS GALEGAS RETORNADAS E DOS SEUS DESCENDENTES

lunes, 24 de septiembre de 2018

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS Á ELABORACIÓN DE INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN OU XESTIÓN FORESTAIS

DATAS, LUGAR E HORARIOS PROBAS PARA A OBTENCIÓN E RENOVACIÓN DO CERTIFICADO DE CONSELLEIRO DE SEGURIDADE PARA O TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS POR ESTRADA E FERROCARRIL

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


En sesión do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, convocadas mediante a Resolución do 25 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Mobilidade (Diario Oficial de Galicia núm. 87, do 7 de maio), acordouse, de conformidade co disposto na base oitava da mencionada resolución:

Primeiro. As correspondentes probas terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela.

Os ditos exercicios realizaranse na data e nos horarios que a seguir se indican:

– Mércores 17 de outubro de 2018.

Modalidade por estrada: certificado de conselleiro de seguridade ADR.

Obtención todas as clases: 15.30 horas.

Renovación todas as clases: 15.30 horas.

Obtención clase 1: 15.30 horas.

Renovación clase 1: 15.30 horas.

Obtención clase 2: 12.00 horas.

Renovación clase 2: 12.00 horas.

Obtención clase 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9: 18.00 horas.

Renovación clase 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9: 18.00 horas.

Renovación clase 7: 15.30 horas.

Obtención materias líquidas: 15.30 horas.

Renovación materias líquidas: 15.30 horas.

Modalidade por ferrocarril: certificado de conselleiro de seguridade RID.

Obtención todas as clases: 18.00 horas.

Renovación todas as clases: 18.00 horas.

Segundo. Para os efectos de proceder á realización dos correspondentes chamamentos, os aspirantes deberán presentarse ás probas 15 minutos antes do comezo de cada exercicio.

Terceiro. Os interesados serán convocados para cada exercicio en chamamento único, resultando excluído da súa realización quen non compareza.

Cuarto. Os aspirantes excluídos por non compareceren no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Quinto. Os aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. En caso contrario, non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios. Tales aspirantes excluídos non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Sexto. Os interesados deberán levar bolígrafo e, para a realización do suposto práctico, poderán ir provistos do ADR ou RID e de máquina calculadora sen memoria RAM.

SUBVENCIÓNS Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES E DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, e teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para o ano 2018 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade.
As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. O contido dos programas deberá axustarse ás dúas liñas de actuación sinaladas a continuación:
Liña 1. Actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Liña 2. Accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución da entidade, o seu patrimonio se destina a fins sociais, e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa función con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.
f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 20 de septiembre de 2018

MODIFICACIÓN.- OBRADOIROS E AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Modificación do obxecto
Modifícase a tipoloxía de proxectos subvencionables para as pemes individuais establecida nas bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Resolución do 21 de decembro de 2017; DOG nº 245, do 28 de decembro), que queda do seguinte xeito:

«b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos (ERP, CRM e similares), interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares).

3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos».

Esta modificación aplicarase ás solicitudes que xa se presentasen dentro do segundo prazo da convocatoria (IG240.2), que abriu o 1.6.2018.

viernes, 14 de septiembre de 2018

CONVOCATORIA PROBAS OBTENCIÓN CERTIFICADOS DE LIGUA GALEGA NIVEIS CELGA 2 E 4

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2 e 4, no ano 2018 (ED114A).

Persoas destinatarias
As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

Datas de realización das probas
As probas do Celga 2 e do Celga 4 terán lugar entre a segunda quincena de novembro e a primeira fin de semana de decembro de 2018. As datas concretas serán debidamente publicitadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Localidades onde se realizarán as probas e niveis
As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.
As sedes e horarios de realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

Presentación de solicitudes e prazo
1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED114A, que se publica como anexo I desta resolución, e aboar a taxa que se indica na convocatoria.
O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Deberán indicar nel a proba ou as probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
2. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar, de forma motivada, a exención da realización da proba ou probas referidas a esas destrezas.
3. De ser necesario algún tipo de axuda para a realización das probas debido a unha discapacidade, a persoa indicará na súa solicitude o apoio concreto que precisa (lectura fácil –para persoas con discapacidade intelectual–, máis tempo, maior tamaño de letra...).
4. En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar á exención e/ou ao apoio solicitados.
5. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de 20 días naturais, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.